O I Coloquio Internacional BiFeGa: Literatura, Cultura, Tradución e Interpretación terá lugar os vindeiros días 4, 5 e 6 de xullo en modalidade semipresencial, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Será retransmitido pola canle directo 1 de UVigo TV https://tv.uvigo.es/directo1.

O evento, organizado polo grupo BiFeGa-UVigo, reúne a maioría do seu persoal investigador permanente e en formación. A través de diferentes conferencias e comunicacións presentaranse as súas múltiples liñas de investigación, as teses de doutoramento en curso, as súas máis recentes publicacións, así como as redes e proxectos de investigación e innovación en vigor.

Un dos obxectivos principais do Coloquio é visibilizar o labor investigador do grupo, reforzar as sinerxias e a súa cohesión, amosando unha das súas caracterísiticas fundamentais: a interdisciplinaridade.

O grupo BiFeGa-UVigo desexa contribuír a unha divulgación científica de calidade no ámbito das Humanidades, cunha proxección internacional que xa teceu alianzas con outras universidades a nivel global, como a University of Warwick, University of Maine, ou as Universidad Nacional de La Plata, Università degli Studi di Padova, Universidade Federal Rio Grande do Sul, entre outras.

O I Coloquio Internacional BiFeGa está aberto ao público xeral, aínda que pode ser de especial interese para investigadoras/es en estudos literarios, culturais, tradución e investigación. Con todo, a súa transversalidade metodolóxica pode resultar atractiva tamén para investigadoras/es doutros ámbitos pola súa conexión cos eidos histórico, filosófico, político e social, entre outros. O seu formato semipresencial facilitará a divulgación internacional, xa que, para alén da posibilidade de asistencia presencial, as actividades poderán ser acompañadas de maneira virtual, ampliando horizontes e cruzando fronteiras.

Agardámosvos!

Ver Folleto de mesas e horarios 

Ver PROGRAMA