Temos o pracer de anunciar a conferencia de Kathleen March (University of Maine) «De mar a mar. Por que internacionalizar a literatura galega, para que e como facelo?» que será a encargada de poñerlle o broche ao I Coloquio Internacional BiFeGa.

Kathleen Nora March é catedrática emérita de español na University of Maine. En 1975 veu a Galiza para investigar sobre a poesía de Manuel Antonio, logo virían estudos sobre Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo, Xohana Torres e tamén Rosalía de Castro. As súas traducións de Cunqueiro, Rosalía e Otero Pedrayo son outra faceta dun traballo académico imprescindíbel, que axudou á proxección da literatura galega no ámbito anglosaxón. Nos anos 80 fundou e presidiu a Galician Studies Association (AIEG). En 2015 recibiu o Premio da Cultura Galega no apartado de Proxección Exterior.

«De mar a mar»  suxire unha canción en inglés sobre as dúas costas dun país. Porén, no noso contexto, alude a un país de anglofalantes que representan moitos posibes lectores e con eles un mercado grande de vendas. As vendas só van ser realizadas se o posíbel público ten interese por unha literatura, neste caso a galega. Preguntármonos por que internacionalizar a literatura galega de feito abrangue as preguntas de para que e como acadar ese obxectivo? Nunha palabra: Que ten a literatura galega, que ten a súa cultura, que mereza ser internacionalizada? A tradución pode ofrecer unhas respostas, moitas delas non son lingüísticas senón didácticas e algo máis. A ‘America the beautiful’ da canción ten a obriga de saber máis do resto do mundo.

A conferencia terá lugar de xeito presencial o día 6 de xullo de 2022 ás 12:30 h (galegas) no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución. Tamén poderá seguirse a través da canle directo 1 de UVigo TV https://tv.uvigo.es/directo1.

Agardámosvos!